FRAN CAMPOS

MOITA XENTE SÉNTESE CONFUNDIDA CANDO UNHA FRASE NON REMATA DO XEITO QUE ELES SALCHICHA

[Ezequiel Haitawer,

mestre de pallasos e anacoreta]

FRAN C.

Cando naceu, a matrona, coa cara pálida, díxolle á nai: «sorte». Desexo que non se cumpriu: fíxose actor. A pesar da súa tímida presencia sempre foi un pallaso. Ou iso era o que decían os simpáticos mestres no cole. Un fracaso «de libro» como estudiante. Chegou a asegurar que «con esas notas que me poñían era imposible aprobar».

 

En 1997 subiuse por primeira vez a un escenario para abrir
o telón. Pode decirse que comezou de técnico. A música,
a guitarra… déronlle a oportunidade de facerse escoitar, sobre todo cando ía ca eléctrica. A radio tamén forma parte da súa vida profesional o mesmo que a docencia musical.
E como non, o teatro. Tras o seu paso polo terreo amador deu un paso máis e atopouse con mestres como Phillipe Gaulier, Claudia Contín, Jos Houben, Leo Bassi… que
o levaron a traballar con David Ottone ou Evaristo Calvo.

 

A súa vocación non recoñecida é a de «pastor». Por iso percorre ducias de «parroquias» xunto co seu inseparable «Padre Merino» co fin de axudar á humanidade coa axuda do señor. Do señor que o contrate claro.A súa relación
co gran Ezequiel Haitawer comezou unha noite de festa rachada, un Seat127 e un malentendido moi agradable. Dende aquela anda polo medio da estrada e é un dos máximos defensores desta figura mundial: «é boísimo. Pártome o cú con el».

 

Logo daquela infusión co seu compañeiro, percorre as rúas e os grandes, medianos e puequenos teatros do país. Sobre todo os pequenos. Incluso os pequenos máis pequenos que o que se entende por pequenos: «levamos un nariz vermello no corazón, un sorriso na boca, unha luz na mirada, cartos para a peaxe… e o Bandullo… Azul».

 

Por certo, tamén se cre poeta!