FRAN AMEIXEIRAS

MÁIS VALE SER UN CLOWN DE CLON QUE UN CLON DE CLOWN. ALA, DÁDELLE UNHAS VOLTAS A ISO

[Ezequiel Haitawer,

mestre de pallasos e anacoreta]

FRAN A.

​É pallaso e ser humano por vocación, e soña con visitar outros planetas.

 

Coñeceu a Ezequiel Haitawer nun curso online para pallasos en paro e desde entón o xesto e as infusións dominan a súa vida teatral.

 

Anteriormente a este curso e a iniciar a súa relación con Ezequiel Haitawer, Fran A. tiña a súa vida dividida entre o clown, o teatro social, as artes gráficas e as viaxes a suramérica, onde chegou a crerse de verdade que era brasileiro.

 

No mundo teatral deu os seus primeiros pasos no grupo estradense Tirinautas do que foi membro fundador e na Escola Municipal de Teatro da Estrada, da que tamén foi membro fundador. Despois de varios anos de aprendizaxe no teatro amador continuou a súa formación en diversas cidades  con mestres coma Leo Bassi, Carlo Colombaioni, Fraser Hooper, Blanca del Barrio, Jos Houben, Magic Andreu, Eric de Bont… No ano 2008 pasa pola escola de Augusto Boal en Río de Janeiro e ao seu retorno a febre fundadora volta a apropiarse del e xunto con outras persoas dan vida o GTO Corunha (grupo de teatro dxs oprimidxs), máis coñecido actualmente coma GTO 100Tolas.

 

Despois de varios tratamentos a febre non diminuíu, (humanidade e extraterrestres seguen a sufrilo)  e tras recorrer parroquias diversas e locais nocturnos co seu alter ego pallaso Mentalini, decidiu xunto con Fran Campos fundar Bandullo Azul.